Rexístrese

Se vostede quere ser informado das actualizacións da páxina web de Encrucillada así como das actividades da Asociación Encrucillada envíenos os seus datos.

Política de privacidade

Monografías

Portada da monografía "Por unha Igrexa tamén feminina"

Por unha Igrexa tamén feminina

Este libro é unha recompilación de artigos que a autora foi publicando ao longo de máis de vinte anos, pero que lidos hoxe soan plenamente actuais. O libro abrirá canles de reflexión plenamente actuais para as mulleres interesadas en facer escoitar a súa voz no seo da Igrexa.

A estrutura da obra é peculiar. Cada un dos artigos orixinais publicados no seu momento en xornais como La Voz de Galicia e revistas como Encrucillada, Irimia ou Terra e tempo van acompañados por un comentario, que ademais de situar cada un deles no seu contexto histórico, permite á autora matizar as súas ideas anteriores, facer balance desde a perpectiva actual e, non menos importante, pintar unha panorámica bastante detallada e completa das achegas que a reflexión feminista fixo en Galicia, tanto no pensamento como na literatura.

Nos cinco artigos recollidos encontraremos estudos xerais sobre a discriminación da muller na Igrexa e a relación entre feminismo e Igrexa, e outros máis específicos en torno á muller na Igrexa galega ou a muller no novo Catecismo. O libro conclúe cun artigo inédito escrito para a ocasión que dá título ao libro onde, ademais de introducirnos na Teoloxía feminista, reflexiona sobre o papel da acción feminista na renovación da Igrexa.

 

12 € (IVE e gastos de envío incluídos)

Portada da monografía "Revolucionario e místico. Diario íntimo da doenza final"

Revolucionario e místico. Diario íntimo da doenza final

Este libro é o diario íntimo dun crego fronte á morte, un home de fe rexa e loitadora, de crenza fresca e nada convencional que nos dá un exemplo magnífico: desde as primeiras páxinas se nos amosa na decisión sen fisuras de querer vivir desde a fe a nova e desconcertante situación. Sen escapismos, sacralizacións ou falsos consolos. Abríndose ao misterio, tratando de comprender, asumindo a enfermidade, afrontando a morte.

Mais o verdadeiramente admirable é a maduración dunha existencia desafiada até o extremo de si mesma, pola última das situacións límite, a morte. Impresiona observar o avance na aceptación dos demais. Maduración que acaso foi símbolo dunha reconciliación máis profunda consigo mesmo. Non por "conversión" ou cambio de rumbo, senón por reaxustamento definitivo, como baixada estremecida e confiada aos fondais últimos do ser.

Desde o primeiro momento, Moncho "ora á súa enfermidade", vívea ante Deus, cun internamento progresivo na confianza e na intimidade. Non é simplemente que nolo diga el ("paréceme que me fixen máis espiritual", "hoxe son un contemplativo"). Observámolo nós. Sobre todo, nesa absoluta naturalidade coa que, de xeito continuo e desde o comezo, a reflexión se converte en oración directa, fervente, con sempre novos motivos e matices.

Esta monografía está esgotada. Na pestana "SÓ EN DIXITAL" pódese baixar en PDF.

Por: ENCRUCILLADA

 

REDACCIÓN E ADMINISTRACIÓN

R/ Angel Rodriguez Gonzalez Nº 20-0 Bj

15702 Santiago de Compostela

Teléfono 981 813 608

encrucillada@encrucillada.gal