
Revolucionario e místico. Diario íntimo da doenza final
Moncho Valcarce
Este libro é o diario íntimo dun crego fronte á morte, un home de fe rexa e loitadora, de crenza fresca e nada convencional que nos dá un exemplo magnífico: desde as primeiras páxinas se nos amosa na decisión sen fisuras de querer vivir desde a fe a nova e desconcertante situación. Sen escapismos, sacralizacións ou falsos consolos. Abríndose ao misterio, tratando de comprender, asumindo a enfermidade, afrontando a morte.
Mais o verdadeiramente admirable é a maduración dunha existencia desafiada até o extremo de si mesma, pola última das situacións límite, a morte. Impresiona observar o avance na aceptación dos demais. Maduración que acaso foi símbolo dunha reconciliación máis profunda consigo mesmo. Non por "conversión" ou cambio de rumbo, senón por reaxustamento definitivo, como baixada estremecida e confiada aos fondais últimos do ser.
Desde o primeiro momento, Moncho "ora á súa enfermidade", vívea ante Deus, cun internamento progresivo na confianza e na intimidade. Non é simplemente que nolo diga el ("paréceme que me fixen máis espiritual", "hoxe son un contemplativo"). Observámolo nós. Sobre todo, nesa absoluta naturalidade coa que, de xeito continuo e desde o comezo, a reflexión se converte en oración directa, fervente, con sempre novos motivos e matices.
Esta monografía está esgotada. Na pestana "SÓ EN DIXITAL" pódese baixar en PDF.
Por: ENCRUCILLADA
Solicitar monografía
Campos Obrigatorios:*