Rexístrese

Se vostede quere ser informado das actualizacións da páxina web de Encrucillada así como das actividades da Asociación Encrucillada envíenos os seus datos.

Política de privacidade

COMPONENT_NEWS_IMAGES_IMAGE_ALT

Revolta de mulleres na Igrexa

Revolta de mulleres na Igrexa. Ata que a igualdade sexa costume

https://linktr.ee/revueltamujeres

Alzamos a voz!

No marco das xornadas feministas do 8 de marzo, as mulleres crentes, de movementos e comunidades, alzamos a voz para dicir que:

VIMOS DE LONXE

Dunha longa tradición feminista que loitou pola dignidade das mulleres, que esixiu a igualdade de dereitos, poder votar, liberdade sexual e reprodutiva, e que no século XXI se recoñece diversa, móstrase cunha forza xove e anovada, e este próximo 8 de marzo volverá saír á rúa para alzar a voz e dicir abonda!

VIMOS DE LONXE

Das mulleres valentes e libres das primeiras comunidades cristiás, e de todas as que ao longo da historia se teñen negado a quedar recluídas nos roles secundarios e invisibles aos que a tradición eclesial e teolóxica as quería someter.

Mulleres protagonistas da súa fe que alzaron a voz para dicir en que crían. Mulleres insubmisas que loitaron para que a súa autoridade fora recoñecida, mulleres solidarias que se organizaron para atender ás persoas que máis o necesitaban, mulleres esperanzadas que creron que a transformación social e a xustiza eran posibles.

VIMOS DE LONXE

Da boa nova dun Xesús que transgrede as normas dunha sociedade fondamente patriarcal. Vimos do Xesús que trata ás mulleres como iguais, e dialoga de ti a ti. Elas, como María Magdalena, son discípulas, amigas, mestras. Son en definitiva, persoas. Vimos dunha Igrexa que nos seus inicios fixo da igualdade entre homes e mulleres, un dos aportes máis radicais do cristianismo á historia da humanidade. Recuperémola!

VIMOS DE LONXE E SOMOS MOITAS

Somos moitas as que en todo o mundo alzamos a voz.

Somos maioría nas tarefas de voluntariado, nas celebracións relixiosas, como catequistas, nos consellos parroquiais, somos moitas nos movementos, asociacións, centros recreativos e no mundo educativo de crianzas e xuventude. Son incontables as congregacións de relixiosas que traballan día a día polos dereitos dos máis vulnerables, como as prostitutas ou as vítimas da trata de mulleres. Quen constitúe unha parte importante da Igrexa no século XXI? Nós!

SOMOS MOITAS E DICIMOS ABONDA XA

  • Dicimos abonda xa! porque a pesar de ser maioría somos consideradas como eternas menores de idade, e tratadas con condescendencia.

  • Dicimos abonda xa a ser invisibilizadas e silenciadas.

  • Dicimos abonda xa! á discriminación por razón do sexo ou o xénero. Cantas mulleres vemos que representan á institución? Cantas teólogas traballan nas facultades de teoloxía, cantas acompañan espiritualmente, cantas son formadoras dos seminarios? Cantas poden tomar parte na toma das decisións máis importantes?

  • Dicimos abonda xa! a que se nos negue o sacerdocio debido ao noso corpo, un corpo que sempre está baixo sospeita.

  • Abonda xa dunha visión negativa da sexualidade, que crea sufrimento.

  • Abonda xa dunha imaxe dun Deus exclusivamente masculino.

IMAXINAMOS E CONSTRUÍMOS UNHA IGREXA NOVA

  • Unha Igrexa que é comunidade de iguais, onde a muller é recoñecida como suxeito de pleno dereito, con voz e voto en todas partes, onde a muller é valorada polos propios talentos, carismas e aportes ás comunidades.

  • Unha Igrexa onde o liderado é compartido entre mulleres e homes, laicos, laicas, persoas consagradas e sacerdotes.

  • Unha igrexa paritaria, máis plural e menos xerárquica.

  • Unha Igrexa que acompaña sen xulgar toda a diversidade das familias, de identidades e orientacións sexuais.

  • Unha Igrexa onde as mulleres xa somos e nos recoñecemos con autoridade e liderado.

  • Unha Igrexa que xa hoxe é semente de futuro.

VIMOS DE LONXE

SOMOS MOITAS E ALZAMOS A VOZ

PARA DICIR ABONDA XA E ESIXIR UNHA IGREXA NOVA QUE

HOXE DÁ UN PASO ADIANTE



Alzamos a voz no Estado español...

NOTA DE PRENSA

Revolta de mulleres na Igrexa. Ata que a igualdade sexa costume

Recollendo o chamado do Consello de Mulleres Católicas (CWC), que promove a acción Voices of Faith (www.voicesoffaith.org), as diferentes asociacións de mulleres crentes feministas do estado español alzamos a nosa voz e propoñemos unha revolta de mulleres neste mes de marzo de 2020. Recollemos a iniciativa e a puxemos en marcha Mulleres Cristiás Galegas Exeria, a federación Mujeres y Teología (Madrid, Zaragoza, Sevilla, Granada, A Rioxa e Cantabria), a Plataforma de Mujeres Cristianas de Zaragoza, o sector de mulleres da HOAC de Barcelona, Itaka Emakumeok, Red Miriam de Espiritualidade Ignaciana e a Asociación de Teólogas Españolas. Aos poucos se foron sumando congregacións relixiosas femininas, Redes Cristiás, a Asoc. de Teólogas y Teólogos Juan XXIII, LGTBI Creyentes, as Comunidades de Vida Cristiá (CvX),... En Galicia apoian o manifesto e a acción Asoc. Encrucillada, Asoc. Irimia, a Coordenadora de Crentes galeg@s e moitas persoas a título particular.

Conxuntamente convocamos unha folga de mulleres na Igrexa o día domingo 1 de marzo.

Ao longo deste mes se están a convocar actos reivindicativos por todo o mundo: Frankfurt, Colonia, Lindburg, Munich, Zurich, Linz, Munbai, Cincinaty, Milán, Sidney,... (máis información en www.voicesoffaith.org) No estado español, o 1 de marzo as nosas compañeiras feministas cristiás manifestaranse diante das catedrais de Barcelona, Madrid, Zaragoza e Sevilla. O día 8 será diante da catedral de Valencia, o 15 na de Granada e a de Bilbao.

Para non interferir cos actos convocados polas plataformas feministas galegas, a Asoc. Mulleres Cristiás Galegas Exeria convocamos a todas as mulleres de Igrexa que apoien o noso manifesto e asistan ao acto reivindicativo que vai ter lugar o sábado 14 de marzo, ás 12h, diante da porta Santa da Catedral de Santiago.

Pedimos que se asista con roupa branca, pois queremos recuperar a voz das mulleres na Igrexa celebrando ás que nestes vinte séculos foron facendo igrexa non dende a submisión, senón dende a afouteza. No acto nomearemos a 12 mulleres valentes, alicerces seguros que dende a súa fe souberon poñer palabra e obra á vindicación de dereitos das mulleres na Igrexa, souberon propoñer novas formas de solidariedade e espiritualidade e son luz para outras mulleres e homes que nelas adeprendemos novos significados da mística e o compromiso cristián.

Remataremos o acto lendo o manifesto, o mesmo que se vai ler ao pé de todas as catedrais, no que declaramos que vimos de lonxe, que somos moitas as que dicimos abonda xa!, e que estamos dispostas a imaxinar e construír unha nova igrexa, máis plural e menos xerárquica, que acompaña sen xulgar, na que os liderados sexan compartidos, na que poder descubrir as sementes do Reino camiñando cara un futuro novo no que a igualdade sexa costume.

Para apoiar esta campaña entra e asina en www.alcemlaveu.org, https://overcomingsilence.com

https://linktr.ee/revueltamujeres

Santiago de Compostela, Marzo 2020

Podedes seguir as diferentes accións en:

https://linktr.ee/revueltamujeres

www.voicesoffaith.org,

www.alcemlaveu.org,

www.exeria.org, e nas redes sociais.

Documento asociado

REDACCIÓN E ADMINISTRACIÓN

R/ Angel Rodriguez Gonzalez Nº 20-0 Bj

15702 Santiago de Compostela

Teléfono 981 813 608

encrucillada@encrucillada.gal